


DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
SEGUNDO TRIMESTRE
4º ESO D
O alumnado de Expresión Artística realizou un collage de Rosalía para acompañar o evento realizado na Biblioteca.
Coordinado por Jessica Mera Redondo
8 M. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
SEGUNDO TRIMESTRE
3º ESO.
Para conmemorar o Día Internacional da Muller, na materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual, o alumnado de 3º ESO, ilustrou a mulleres relevantes galegas de diferentes ámbitos. Para crear a exposición buscamos unha estética común, por iso, a ilustración situouse nun espazo cos mesmos marxes, puxemos o nome da muller coa mesma tipografía, tamaño e peso. A técnica para pintala foron os lapis de cores.
Coordinado por Jessica Mera

GALICIAN WOMEN
SEGUNDO E TERCER TRIMESTRE
3º ESO. SECCIÓN BILINGÜE
PROXECTO INTERDISCIPLINAR
O proxecto Galician Women é un proxecto interdisciplinar realizado polo alumnado de 3º de ESO na materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, sección bilingüe e na materia de Inglés. A creatividade, a investigación e a aprendizaxe de idiomas uníronse para dar vida a unha experiencia interactiva. O reto consistiu en deseñar e construír unha maqueta despregable que representase distintos espazos relacionados coa vida e a traxectoria de mulleres galegas relevantes en ámbitos como a ciencia, a literatura, a arte, a política ou o deporte.
Cada cuarto da maqueta ofrece información visual e elementos que axudan a coñecer mellor a estas figuras, convertendo o percorrido nunha experiencia de descubrimento. Como complemento ao traballo artístico, o alumnado elaborou un folleto informativo en inglés, no que se presenta a historia de cada protagonista mediante textos e actividades. O folleto propón unha serie de preguntas que deben resolverse utilizando as pistas repartidas polas diferentes estancias da maqueta. Só respondendo correctamente é posible avanzar ao seguinte cuarto, transformando a visita nun percorrido dinámico e participativo.
Cada alumno e alumna deseñou unha proposta única, utilizando diferentes materiais e técnicas plásticas para dar forma ao seu proxecto. Ademais, cada un creou en 3D o personaxe da muller elixida, converténdoo nunha peza fundamental do xogo e do percorrido pola maqueta.
O resultado é unha proposta educativa que integra arte, igualdade e aprendizaxe de linguas, fomentando a creatividade, o traballo autónomo e a participación activa do alumnado, demostrando como a aprendizaxe baseada en proxectos pode converterse nunha experiencia motivadora, práctica e interdisciplinar.
Coordinado por Jessica Mera
MAQUETAS CON FOLLETOS




TI ELIXES
TERCER TRIMESTRE
3º ESO E· F
Neste proxecto realizado polo alumnado de 3º de ESO na materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, o deseño e a creatividade puxéronse ao servizo da reflexión sobre os estereotipos de xénero presentes na nosa sociedade.
O alumnado deseñou e construíu un xogo interactivo formado por tres cubos amontoados, cuxos elementos poden virarse de forma independente de dereita a esquerda, permitindo crear diferentes combinacións. A parte superior corresponde á cabeza, que pode representar a un home ou a unha muller, o cubo central mostra o torso, que identifica unha profesión e o inferior contén as pernas, completando a figura do personaxe. Cada unha das catro caras do xogo presenta un personaxe diferente, de modo que o usuario pode modificar a cabeza e decidir se a profesión representada corresponde a un home ou a unha muller.
Con este sinxelo xesto, o xogo invita a cuestionar a asociación tradicional de determinadas profesións cun único xénero e a reflexionar sobre a importancia de romper cos estereotipos. Durante o proceso de creación, o alumnado investigou sobre a representación de homes e mulleres en distintos ámbitos laborais e analizou como os prexuízos poden influír na percepción de certas profesións.
Coordinado por Jessica Mera










.png)






































